Ariadna Silva

xov14xunTodo o díamer25xul(Todo o día) Ariadna SilvaCartografía do esquecementoSala de Exposicións do Kiosco Alfonso

Detalles do evento

Cartografía do esquecemento ofrece un percorrido a través de tres realidades da paisaxe galega: os bosques autóctonos, as plantacións de eucaliptos e de piñeiros e os montes queimados. Formula unha reflexión sobre a dexeneración progresiva do territorio motivada por diferentes factores políticos, sociais e económicos que provocan consecuencias devastadoras tanto para a biodiversidade como para a memoria e identidade colectiva dunha gran parte de Galicia.

Este ensaio pretende afondar no concepto de atlas como unha maneira de fuxir e de se adentrar no terreo de forma cíclica, de xeito que o conxunto se presenta como causa e consecuencia, como cómplices e vítimas. Os bosques autóctonos, onde predominan os carballos, ademais de actuar como barreira natural ante un incendio, caracterízanse por ser un elemento simbólico da cultura galega, e a maioría son bosques centenarios, polo que o valor interxeracional e de herdanza é moi importante nesta reflexión. Doutra parte, as plantacións de monocultivos, os incendios e o abandono do rural provocan esa perda da memoria aferrada neses lugares: o terreo orixinario substitúese progresivamente, non se mantén de forma sostible ou, directamente, os herdeiros desas terras descoñecen o seu paradoiro porque non necesitan vivir do campo.

En definitiva, Cartografía do esquecemento pretende sintetizar os valores de ecoloxía, identidade, memoria colectiva e cultura simbolizados a través do carballo como figura paradigmática do bosque autóctono en oposición ás manipulacións exercidas pola acción humana sobre o territorio.

Máis

Autor

Ariadna Silva Fernández (A Estrada, Pontevedra),1996

Ariadna Silva

Ariadna Silva

Estudante do Máster en Fotografía Artística e Narrativas Fotográficas Documentais na Escola TAI (Universidad Rey Juan Carlos, Madrid). Cursa durante dous anos o grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que finalmente se traslada a Madrid en 2016 para estudar a Diplomatura Profesional en Fotografía na Escola TAI. É membro do colectivo OlloAtlántico (centrado na fotografía documental, de reportaxe e de rúa). Foi seleccionada no Canon Student Program 2017 do Festival Internacional de Fotoperiodismo Visa Pour l’image de Perpignan e publicou no 2018 o fotolibro Fillos do vento (BANCO Editorial), un relato persoal sobre a rapa das bestas de Sabucedo.

O seu traballo fotográfico e audiovisual céntrase en realizar investigacións coa paisaxe galega como pretexto para estudar a forza que exerce o territorio na conformación da memoria colectiva a través de tradicións culturais e relixiosas, de historias familiares ou da destrución do medio natural.

Ariadna Silva - Ilustración de Carlos Gallego

Ariadna Silva – Ilustración de Carlos Gallego

Hora

Xuño 14 (Xoves) - Xullo 25 (Mércores)

Localización

Sala de Exposicións do Kiosco Alfonso

Enviar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *